Amosando publicacións coa etiqueta Festas tradicionais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Festas tradicionais. Amosar todas as publicacións

19 de outubro de 2016

É tempo de calacús


Andamos no tempo do Samaín, tempo no que corresponde baleirar algunhas cabazas e facer con elas a representación dunha oca caveira na que posteriormente se introduce unha candea acesa para colocala, escurecido o día, ben nos camiños, no peitoril das ventás, nas encrucilladas ou en calquera outra parte que sexa visible.
Sabemos de persoas de moita idade que lembran nos anos trinta e corenta do século pasado como, en lugares tan afastados entre si como Marín (Pontevedra) e Cangas de Foz (Lugo), con pequenas variantes, celebraban na noite do 31 de outubro este rito. Mesmo en ocasións colocábase a cabaza coa correspondente candea, diante da porta da casa da rapaza que era pretendida.
Non se sabe con seguridade a orixe desta celebración, pero é innegable a relación coa tradición dos pobos célticos que nesta data realizaban diferentes rituais que con pequenas modificacións chegaron ata os nosos días. 
Agora lida esta entrada e visto o vídeo xa estás en condicións de afrontar o rosco que tes na parte superior dereita do blog. Sorte!

27 de febreiro de 2014

Supermercado Camuñas



Despois de moito pensar, discutir e decidir chegouse ao acordo de ir disfrazados de "Supermercado Camuñas".
Fixéronse, elixíronse e repartíronse as coplas --van a continuación-, deseñouse o cartel, pintouse e montóuselle a estrutura. Repartíronse os papeis que vai desenvolver cada un... agora xa só queda esperar que chegue a festa de mañá.
De momento aí van as coplas e as dúas fotografías do  cartel-anuncio que deu choio pero pagou  a pena.

COPLAS
Os que van de carniceiros 
dan filetes sen parar 
porque teñen moita carne 
e váiselles derramar. 

Corremos moito e rimos 
no Entroido de Galicia 
e primeiro Salvador 
daranos unha malicia.
  
O meu profesor de lingua 
chegou ao supermercado 
e como viu que era o noso 
comprounos un gran pescado. 

No noso supermercado 
temos un ferrero rocher 
que como ten moitos anos 
xa non se pode roer. 

Cando temos mercancía 
que non podemos vender 
antes que podreza toda 
darémoslla á de francés. 

Somos nós os de primeiro 
somos algo folgazáns 
non nos gusta traballar 
pero ímonos disfrazar. 

Vou facer unha empanada 
voulla regalar a Elena 
pra que nos quite o castigo 
e así dicir que es muy buena 

O noso Antonio de lengua 
chegou ao supermercado 
a por un xamón de cocho 
e levouno empaquetado. 

Os da clase de primeiro 
xa non paran de pensar 
porque ao supermercado 
non saben como chamar 

Os nosos panadeiros 
fixeron moito pan 
descoidáronse un momento 
e roubóullelo un can 

O noso supermercado 
éche o mellor de Friol 
Alí compra todo o mundo 
mesmo veñen do Ferrol 

As madalenas do súper 
din que as venden moi baratas 
para que estean máis ricas 
botámoslles matarratas

11 de febreiro de 2014

O Entroido

Aos poucos vénse achegando o Entroido e temos que prepararnos para recibilo e festexalo como se merece.
En principio sei que os supermercados deben poñerse a tremer pois en breve vailles saír unha dura competencia.
De momento tedes aquí unha presentación onde se fala do ciclo festivo do Entroido

Entroido
View more presentations or Upload your own.

19 de decembro de 2013

Cantos de Nadal

Como vén sen habitual mañá día 20 de decembro a partir das 11 da mañá, o alumnado de 1º de ESO acompañados polas pandeireiteiras do colexio sairemos a cantar os reis. 
Os ensaios resultaron todo un éxito que esperamos quede confirmado coa actuación na vila.
Aquí deixamos unha imaxe dos nosos ensaios.
Sorte mañá e sobre todo a pasalo ben.

7 de febreiro de 2013

O Entroido




Chega o Entroido meus amigos,
pola pinta, ben se ve
perrucas, panos e gafas
decidístesvos poñer

Entrementres discorreron
coplas para o carnaval.
Algunha das que fixestes
a continuación xa van

Se subides para arriba
e baixades para abaixo
tede coidado amiguiños
non perdades o refaixo.

Hai unha alumna en primeiro 
que non para de bailar 
trae axouxeres á escola 
sempre nos dá que falar.

Son as catro, e a rapaza 
no lombo vémoslle xa 
a mochila ben pechada 
e a punto de liscar .

O meu irmán é pequeno 
nunca deixa de falar 
vou tolear da cabeza 
pois non o podo aturar. 

No colexio de Friol, 
hai moitas alumnas listas, 
que teñen que facer coplas, 
sen lles dar ningunha pista 

Eu entro na túa casa 
pero quéresme botar 
pegarasme co teu pau 
e na porta heiche mexar. 

Escapou unha galiña 
e agora non a atopei 
o galo canta por ela 
e eu non a deixarei. 

Co caderno dos exames 
vén aí a de francés 
e a Helena vén detrás 
pra que aprendamos inglés. 

Os do cole de Friol 
sempre están alborotando 
cando non van de paseo 
están sempre barullando 

Estas vacas tan leiteiras 
non me pacen ben na leira 
como no lles boto penso 
sempre me cagan na eira. 

Eu hoxe veño con traxe 
con garavata e horquillas 
camisa de terciopelo 
e como vou ben vestida, 
mesmo me tinguín o pelo 

Na clase ao noso alumnado 
moito lle gusta falar 
e os profes sempre nos din 
que nos é mellor calar. 

Teño unha na cabeza 
que non sei como rimar 
sei que trata de matracas 
tereime que espabilar 

O profe está alí sentado 
rifa a todos sen parar 
e nos rindo e xogando 
axiña vaise enfadar. 

Os alumnos de primeiro 
sempre andamos a falar 
co noso profe de lengua 
que non para de berrar 

O profesor de matracas 
sempre nos fai traballar 
cando te pilla falando 
pregunta : que fas rapaz?
Cos libros na man estamos 
aquí ven o profesor 
nós cos cadernos en branco 
e vén el co ordenador. 

Cando explica o profesor
hai un que non para quieto
entón o mestre pregunta
queres quedar sen recreo?

Coplas feitas pola clase de 1º de ESO. curso 2012-13 

5 de novembro de 2012

Refráns, adiviñas e frases feitas

Refráns:
A castaña en agosto arder e en setembro beber
Sempre un porco ruín ha atopar boa castaña
Peticións ao cu, castañas ao cesto
Quen non te maña non come castaña
Castañas collidas, vellas ao souto!
Se non se ven os ourizos 
entre S. Antón e o S. Xoán 
as castañas aló van
Por San Martiño, castañas e viño.

Adiviñas
Alto me vexo
no meu capelexo,
soldadiños vexo vir
e non podo fuxir.

Altos padres,
capeludas madres,
fillos furafoles,
adiviña ti se podes.

Alto pico pote
vestido de xiringote,
cunha risada que botou
perdeu todo o que gañou.

 
Pínguele-Pínguele estaba pingando,
Fúnguele-Fúnguele estaba fungando.
Se Pínguele-Pínguele non pingaba,
Fúnguele-Fúnguele non fungaba.

Frases feitas 
 

Auga de castañas : Café frouxo.
Sacarlle ( a alguén) as castañas do lume: Axudalo para saír dunha situación comprometida.
Saír dun souto e meterse noutro: Solucionar un problema e meterse noutro
Facer un bo magosto: Facer un bo negocio

Unha cantiga

Non chas quero, non chas quero 
castañas do teu magosto, 
non chas quero, non chas quero 
que me cheiran ao chamosco. 

Do outro lado do río 
ten meu pai un castiñeiro, 
dá castañas en agosto, 
uvas no mes de xaneiro 

A castaña no ourizo 
quixo rir e rebentou, 
caeu do castaño abaixo 
mira que chasco levou 

As castañas son castañas 
os mamelos son mamelos 
e as rapazas de Cotá 
sonche amigas dos fornelos 

Indo polo souto abaixo 
escorrín nun ouriciño, 
ai que tres castañas levo! 
do souto do meu veciño... 

- Ábreme a porta Marica, 
que che quero dar castañas. 
- Eu a porta non cha abro, 
que ben sei das túas mañas

Un conto das castañas

Contan que alá nos tempos de Maricastaña, ían de camiño, xuntas e moi falangueiras, unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña. 
Nesas chegaron ao pé dun río e como non sabían cruzalo puxéronse a pensar para buscar unha solución. A castaña –que era moi sabida -- propúxolles de xeito razoado o seguinte: 
-- Como a palla pode flotar na auga, eu subireime enriba dela e levarame nadando cara a outra beira do río. Logo volverá e poderá levarte a ti -- rematou dirixíndose á brasa. 
Á brasa e á palla pareceulles ben a idea e puxéronse á faena. E efectivamente, a castaña foi transportada pola palla sen ningunha incidencia digna de mención. 
Rematado o traslado volveu a palla pola brasa de carbón. Cando xa levaban máis de medio camiño feito, a pobre palla sentiu que o seu corpo queimábase pola calor que desprendía a boa da brasa. Tan molesta ía que, nunha sacudidura, guindou á brasa á auga. 
Na ribeira estaba a castaña vendo estas operacións e cando viu caer á brasa no río, deulle tal ataque de risa que non era quen de parar; tanto riu que acabou rebentando, 
As outras adoecidas, ao chegaren á terra ( a primeira chamuscada e a segunda apagada e enchoupada) botáronlle en cara á castaña o xeito de se rir delas cando estaban nun verdadeiro apuro. 
Pero cando se deron de conta que, por mor da risada, a castaña rebentara o seu pelexo, e que estaba completamente desfeita, compadecéndose dela foron na procura dun xastre para que lle puxese un mendo á castaña e así poder seguir camiño. 
O xastre non andaba sobrado de teas e atopou unha dunha cor un pouco máis clara que a paraza da castaña… pero como non había outra púxose a remendar o furado coa tea que tiña. 
Esa évos a razón pola que todas as castañas teñen un anaco un pouquichiño máis claro.