Contan que alá nos tempos de Maricastaña, ían de camiño, xuntas e moi falangueiras, unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña.
Nesas chegaron ao pé dun río e como non sabían cruzalo puxéronse a pensar para buscar unha solución. A castaña –que era moi sabida -- propúxolles de xeito razoado o seguinte:
-- Como a palla pode flotar na auga, eu subireime enriba dela e levarame nadando cara a outra beira do río. Logo volverá e poderá levarte a ti -- rematou dirixíndose á brasa.
Á brasa e á palla pareceulles ben a idea e puxéronse á faena. E efectivamente, a castaña foi transportada pola palla sen ningunha incidencia digna de mención.
Rematado o traslado volveu a palla pola brasa de carbón. Cando xa levaban máis de medio camiño feito, a pobre palla sentiu que o seu corpo queimábase pola calor que desprendía a boa da brasa.
Tan molesta ía que, nunha sacudidura, guindou á brasa á auga.
Na ribeira estaba a castaña vendo estas operacións e cando viu caer á brasa no río, deulle tal ataque de risa que non era quen de parar; tanto riu que acabou rebentando,
As outras adoecidas, ao chegaren á terra ( a primeira chamuscada e a segunda apagada e enchoupada) botáronlle en cara á castaña o xeito de se rir delas cando estaban nun verdadeiro apuro.
Pero cando se deron de conta que, por mor da risada, a castaña rebentara o seu pelexo, e que estaba completamente desfeita, compadecéndose dela foron na procura dun xastre para que lle puxese un mendo á castaña e así poder seguir camiño.
O xastre non andaba sobrado de teas e atopou unha dunha cor un pouco máis clara que a paraza da castaña… pero como non había outra púxose a remendar o furado coa tea que tiña.
Esa évos a razón pola que todas as castañas teñen un anaco un pouquichiño máis claro.