10 de xuño de 2015

O Minotauro

Hai moitísimos anos, vivía na illa de Creta un terrible monstro que tiña corpo de home e cabeza de touro; era o Minotauro. Este monstro habitaba no Labirinto. Unha fortaleza tan tortuosa que todo o que entraba se perdía sen remedio. 
O rei de Creta, Minos, esixía a Exeo, rei de Atenas, que lle enviaran todos os anos como tributo sete doncelas e sete rapaces. Minos facía entrar no labirinto aos rapaces, que se perdían polos corredores e pasadizos e eran finalmente devorados polo Minotauro. 
Un día, Teseo, o novo príncipe ateniense fillo de Exeo, decidiu acabar co Minotauro. 
-- Loitarei co monstro-- díxolle Teseo ao seu pai-. Este ano, eu serei un dos catorce rapaces que vaian a Creta. 
Chegado o día, Teseo embarcou cos seus compañeiros nun navío de velas negras, como era costume. 
Ao chegar a Creta, Minos mandou encadear e apresar aos rapaces para entregarllos ao Minotauro ao día seguinte. Pero aquela noite, Ariadna, a filla do rei, entrou secretamente na prisión e entregoulle ao príncipe un novelo de fío dicíndolle: 
--Este fío ha guiarte ao través dos complicados pasadizos do labirinto.