11 de xuño de 2015

As babuchas de Abu-Casem

Hai moitos anos vivía no Cairo un avaro perfumista chamado Abu-Casem. Aínda que Alá lle concedera riquezas e prósperos negocios, el vivía e vestía como o máis pobre dos esmoleiros. 
As súas vellas e sucias babuchas eran a máis clara mostra da súa “tacañería”. 
Un día, Abu-Casem foi a unha casa de baños. Quitou as cheirentas babuchas e entrou a darse un baño. Entón, o encargado do calzado, colleu as babuchas e gardounas nun recuncho. Abu-Casem estaba tan sucio que os fretadores e masaxistas precisaron todo o día para deixar limpa a súa pel. E cando saíu, foi coller as súas babuchas. Pero no seu lugar había unhas enormes babuchas amarelas. Sen dúbida Alá envíamas, pois sabe que hai tempo necesitaba unhas novas, pensou. Abu-Casem colleu as babuchas amarelas e marchou moi contento. 
Cando o dono das babuchas amarelas foi coller o seu calzado, só atopou as babuchas de Abu-Casem. Moi enfadado denunciou a Abu-Casem por terlle roubado e Abu-Casem acabou no cárcere coas súas vellas babuchas. 
Ao saír do cárcere, Abu-Casem pensou en desfacerse das fatídicas babuchas. E non se lle ocorreu mellor cousa que tiralas ao río Nilo. Días despois, uns pescadores retiraron as súas redes do Nilo e atoparon un estraño obxecto. 
--Son as babuchas de Abu-Casem!-- gritaron--.E os seus cravos esnaquizaron as redes! 
Os pescadores foron correndo á tenda do perfumista e arroxáronlle as babuchas sobre os seus tarros de cristal. 
--Malditas babuchas!- exclamou Abu-Casem-.Só me causastes problemas! 
Desesperado, Abu-Casem colleu novamente as súas babuchas e tirounas a unha canle que pasaba lonxe da cidade, con tan mala sorte que atascaron un muíño movido polas augas desa canle. 
O dono recoñeceu as babuchas e Abu- Casem acabou de novo en prisión e foi condenado a pagar todos os danos. 
Cando Abu-Casem se viu por fin en liberdade, non o pensou máis. Colleu as babuchas, presentouse ante o cadí e gritou: 
--Oh, gran cadí! Velaquí a causa das miñas desgrazas! Suplícoche que proclames un edicto que declare que Abu-Casem xa non é o dono destas babuchas, que as regala a quen as queira e que non é responsable dos danos que poidan ocasionar de agora en diante. Despois, deixou as babuchas no medio da sala e saíu de alí descalzo, entre as risas de todos os presentes.