21 de abril de 2013

A serpe na cultura popular ( I )

Estes días imos desenvolver un traballo nas áreas de Lingua Galega e Ciencias Sociais relacionado coa presenza da serpe na nosa cultura popular.
Os resultados desta actividade quedarán expostos,ao final da mesma, na Biblioteca Escolar.
Trátase de coñecer un pouco da presenza plurisecular da serpe tanto nos relatos como nas lendas, medos e mitos na nosa cultura.
Para empezarmos imos ler e comentar na aula este fragmento adaptado de Mónica Suárez Groba sobre a serpe na obra "Galicia 2001. Etnografía espiritual" editada pola Xunta de Galicia.

Hai quen cre que os "saefes" -serpes- virían a ser os antecedentes remotos do pobo galego. Algún historiador identifícaos co pobo celta, que chegou a ocupar estas terras ás que chamarían Ophiusa (nome que procede do grego "saefes").
Estes saefes serían, segundo esa tradición, os que expulsaron aos oestrimios.
En toda Galicia rendeuse culto á serpe, que foi o símbolo da terra. Numerosos restos arqueolóxicos e obxectos da época castrexa confirman a presenza da serpe na nosa cultura.
Moitos monumentos cristiáns foron levantados sobre pedras cunha serpe gravada. Quizais para simbolizar que o pecado —serpe— era vencido pola fe cristiá. 
Segundo a Xénese, a serpe foi quen introduciu o pecado no mundo. 
A serpe está unida ao folclore galego pois as mouras aparécense en forma de serpe que representan o espírito dos mortos.
Críase que as serpes non morrían de morte natural, senón que voaban, de vellas, ao río Xordán e despois ao mar. Neste voo podían botar a sombra ás persoas e eran especialmente perigosas para os nenos. 
As moi grandes facían ruído cando se movían. Outras marchaban de pé asubiando e tombando o pan. 
Críase que a mordedura de serpe era moi velenosa e para curala había que lle aplicar o cu dun pito ou chegar antes á fonte máis próxima, a onde aquela adoitaba ir despois de morder. 
Hai que desconfiar das serpes, a pesar de que purifican a natureza cando comen sapos ou insectos; tamén atraen os paxaros co alento e os matan. 
Con carne de serpe facíanse remedios para a tose e outros problemas respiratorios. 
Ao ver unha serpe había que matala, porque cando voaban ao Xordán dicían: 
“Maldito o que me viu e non me matou”. 
Para matar unha serpe había que facela sangrar. O lume ou a música defendían tamén da serpe. 
A serpe vive dúas fases ben diferentes no seu ciclo anual:
Está escondida de outubro a abril, preto dos pozos e das fontes; está inmóbil, come terra e non é perigosa. A partir de maio déixase ver, aliméntase de animais e non ofrece perigo. 
A serpe pasa do espacio húmido —primeira metade do ciclo— ó seco —segunda metade—, do espacio salvaxe ou non habitado ó espacio habitado. 
Vive nas minas e na superficie, no alto da montaña e no val. 
A serpe é a manifestación do dobre aspecto da natureza, é a continuidade da mesma natureza.