6 de novembro de 2015

O mundo da castaña

O castiñeiro (Castanea sativa) é unha árbore caducifolia orixinaria do sueste de Europa ( península turca de Anatolia). 
Foi introducida en Galicia polos romanos para aproveitar a súa madeira e os seus froitos. En Galicia, na Idade Media, os mosteiros foron limpando os montes e plantando castiñeiros e vides.Deste xeito, foron medrando pola nosa xeografía bosques de castiñeiros aos que adoitamos chamar soutos, cando estas árbores nacen de seu, ou castiñeiras se foron sementados polo home.
O froito do castiñeiro, a castaña, era ata hai pouco tempo alimento fundamental na dieta dos galegos que foi sendo substituída pouco a pouco pola pataca que se cultiva en Galicia desde o século XVIII. De feito aínda hoxe nalgunhas zonas de Galicia a pataca é coñecida como "castañas da terra" ou "castañas mariñas".
Na actualidade Galicia é a primeira produtora de castaña; as aproximadamente 38.000 hectáreas ocupadas por soutos ou castiñeiras, producen máis de 20.000 toneladas anuais o que xera uns beneficios de preto dos 40 millóns de euros.

Por outra parte a castaña ten unha presenza moi importante na nosa cultura tradicional, é a protagonista de moitos refráns, cantigas, contos,... e sobre todo personaxe ineludible nos magostos que percorren a xeografía galega ao longo do mes de novembro.
Empezando o 1 de novembro (xa na noite do Samaín), o 11 deste mesmo mes (o San Martiño) e practicamente todas as fins de semana hai magostos nos que aparte das churrascadas ásanse castañas, cántase, báilase,... en fin faise unha boa festa na que participan vellos e novos coa mesma ilusión.
Sábese que hai tempo adoitábanse celebrar estes magostos nos propios cemiterios das parroquias para, simbolicamente, facer participar da festa aos defuntos da comunidade correspondente. 

  • Quen non tisnou a cara nun magosto?
  • Quen non coñece o dito?
"Polo San Martiño
castañas e bo viño "