Déixovos aquí este conto popular. É un exemplo da actividade que tedes que facer unha vez rematada a lectura do libro desta avaliación. Se queres escoitalo preme aquí:
Unha vez era unha pita que estaba debaixo dunha pereira e caeulle unha pera na coroíña. Marchou onda o galo e díxolle:
—Marche de aí, don Galo, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
E marchou. Chegou onda a lebre e díxolle:
—Marche de aí, dona Lebre, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
Foi e chegou onda a raposa:
—Marche de aí, dona Raposa, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
—Se cae o mundo a pedazos, eu quero ir ben fartiña.
E papou a faladora galiña.
Contos populares da provincia de Lugo, ed. Galaxia
Unha vez rematada a lectura do libro "Memorias dun raposo" deberás realizar a seguinte actividade
1º.- Entrevistar a un familiar, veciño, veciña... para que che conte un conto popular galego no que algún dos personaxes que interveñan sexa un animal.
2º.- Grava o conto ou cópiao no teu caderno.
3º.- Despois terás que subilo ao blog Novos e Vellos no Campo da Feira
4º.- Para realizar a actividade contarás coa axuda do profesor.
NORMAS
--Non serve un conto recollido dun libro nin de Internet
--Ten que ser un conto popular galego. É dicir: os animais deben ser da fauna galega.
--Deberás indicar o nome do informante que cho conta, a relación que tes con el, o nome da casa onde vive, o lugar e a parroquia.